sábado, 29 de junio de 2013

FOMENTO COMPOSTAXE CASEIRA

Compostaxe caseira A finalidade deste programa é divulgar a compostaxe caseira como método de tratamento dos residuos orgánicos no propio fogar (na horta, xardín ou no garaxe), subministrando os coñecementos prácticos e o asesoramento individualizado preciso para mellorar esta práctica, consolidándoa como unha alternativa ecolóxica e de futuro. Clica na ligazón para baixar o manual explicativo da Compostaxe Caseira. Un dos problemas máis importantes que as persoas teñen que enfrontar, tanto dende o punto de vista ambiental como económico, é a xestión dos resíduos sólidos urbanos (RSU). É dicir, o lixo. A estrutura territorial da maioría dos Concellos galegos e a súa dispersión poboacional en núcleos de poucas vivendas, obriga a unha cuantiosa inversión económica se se quere dar unha resposta axeitada ao problema. O número de camións de recollida e os km que teñen que percorrer encarece dun xeito importante todo o proceso. Asemade, os custos de xestión por tonelada de lixo segue unha liña ascendente dende hai varios anos. Por isto, calquera medida que supoña unha reducción do volúme de lixo ten inmediatos beneficios medioambientais e económicos. Algo máis da metade do lixo xerado na nosa sociedade é materia orgánica fermentábel, é dicir, residuos procedentes da limpeza de hortalizas e outros alimentos da cociña, restos de comidas, papel alimentário de envolver, e restos de plantas da casa ou do xardín. Trátase da fracción húmida do lixo, medio millón de toneladas anuais en Galiza, a razón de medio kilo por persona e día. É a fracción de lixo máis limpa, libre en orixe de substáncias tóxicas, e que pode ser reciclada enteiramente mediante procesos naturais. Tradicionalmente téñense aproveitado os residuos orgánicos no rural para alimentar o gando e para abono, reflectindo un estilo de vida autosuficiente. Esta é unha práctica que hai que recuperar e difundir polas súas enormes vantaxes medioambientais, sendo un exemplo paradigmático da aplicación dos principios da reciclaxe e a reutilización. A finalidade do presente programa é a reducción do volume de lixo mediante procesos de autocompostaxe realizados nas vivendas do rural. Pretendese dar a coñecer a posibilidade de tratar estes residuos no propio fogar (na horta, xardín ou en garaxe) e subministrar os coñecementos prácticos e o asesoramento individualizado preciso para mellorar esta práctica, consolidándoa como unha alternativa ecolóxica e de futuro. Configúrase, xa que logo, como un programa educativo e eminentemente práctico, de baixa tecnoloxia, pero que permite adquirir uns coñecementos reais do proceso de compostaxe e da optimización dos seus resultados, á vez que dos aspectos ecolóxicos da xestión do lixo. Os resíduos e a compostaxe A compostaxe é o proceso biolóxico que permite, mediante a fermentación aerobia, descompoñer e estabilizar materia orgánica para obter humus. Esta transformación lévana a cabo certos microorganismos (fungos e bacterias), xa presentes na materia orgánica, que atacan os restos orgánicos e redúcennos, co tempo, a un substrato de aparencia terrosa, o humus, moi beneficioso para o crecemento das plantas e a saúde do chan. As pías de compostaxe son ecosistemas complexos de compoñentes animais, vexetais e minerais, todos eles interrelacionados e todos eles cun papel na descomposición da materia orgánica e na súa conversión en humus. Este é o resultado das actividades dunha sucesión de organismos na que cada grupo prepara o camiño para o seguinte descompoñendo ou convertendo un material biodegradábel complexo nun material máis sinxelo e utilizábel que poida ser consumido polo seu sucesor nesta cadea descompoñedora até o produto final que é o humus. Os elementos principais que se atopan no compost son o nitróxeno, fósforo, potasio, xofre, ferro e calcio en cantidades variables dependendo da materia inicial a compostar. Vantaxes do compost: •O compost mellora a textura e a estructura do solo, facendo os chans soltos máis compactos e as chans fortes máis esponxosos, permitíndolles reter os nutrientes, a humidade e o aire necesario para unha boa colleita. •Aumenta a capacidade de retención da humidade do chan, axudando a controlar a erosión e impedindo o arrastre das partículas finas. •Aporta elementos nutritivos a medida que se mineraliza. •Regula a salinidade. •Incrementa a absorción da calor solar, producindo un incremento na temperatura do chan. •Minora os efectos negativos dos axentes tóxicos como praguicidas ou metais pesados •Eleva a cantidade e diversidade de microorganismos. •Fomenta a fauna do chan, particularmente as lombrigas de enorme efecto beneficioso sobre a estructura e a aireación do chan. Constitúe a mellor reciclaxe dos desfeitos orgánicos (que constitúen o 55% do total do lixo xerado polo home), convertendo estes millóns de toneladas nunha fonte activa de nutrientes e pechando o ciclo natural das plantas. Pódese empregar como abono ecolóxico para cultivos, parques e xardíns; así como para a rexeneración de canteiras e solos de minas ou erosionados (caso dos montes que sufriron repetidos incendios). [+ info: Dossier Compostaxe PDF 597kb]

ALEGACIONS ADEGA BOMBEO SALAS-CUNCHAS

Bombeo Salas-Cunchas: Como lavar megawatios nucleares na Limia con encoros franquistas 11 de xaneiro de 2013. ADEGA vén de apresentar alegacións ao proxecto de GN-Fenosa de unir mediante unha central de bombeo soterrada os encoros de Salas e As Cunchas, na baixa Limia. 74 meses de obras, máis de un millón de metros cúbicos de entullos repartidos pola reserva da Biosfera Gerês-Xurés a razón de 327 viaxes de camión diarias; baixadas de caudal ao mínimo durante meses nos dous encoros; riscos de eutrofización; eliminación física de 153 hectáreas de hábitats protexidos de e impactos sobre endemismos e especies en perigo de extinción. Todo para que GN-Fenosa siga espremendo dúas concesións franquistas (1949 e 1942) até esgotar os 99 anos de vixencia e, de paso, rendibilizar convertendo en "verde" a electricidade (mesmo nuclear) que non pode colocar no mercado ao prezo que lle convén cando a demanda é baixa. Un "lavado" en toda regra de megawatios suxos co timo do bombeo. Que por que ex-presidentes e ex-ministros acaban en eléctricas? ALEGACIÓNS 1. Encol das características e a xustificación do proxecto A empresa promotora pretende xustificar a realización deste proxecto atendendo ás seguintes razóns: -“Xestión de vales e puntas de demanda”: Preténdese facer ver que a electricidade que non se consome nun momento dado “pérdese”, esquecendo que paralelamente á xestión da demanda (que debería ir orientada cara a súa redución), deberiase xestionar tamén a oferta reducindo a xeración de enerxía cando non se precise. Porén, a empresa emprega o conceito de eficiencia enerxética de xeito interesado e perverso: Esquece que previa á eficiencia está o aforro e que unha parte do aforro consiste en non producir enerxía se esta non vai ser consumida, habida conta de que na súa produción, incluidas as fontes renovábeis, xéranse nmportantes impactos ambientais, e que na súa distribución á rede pode perderse até o 30% da enerxía xerada. Portanto, dende o punto de vista da eficiencia ecolóxica, a millor enerxía non é a renovábel, senón a que non é preciso producir. GN-Fenosa non ten pensado reducir a súa xeración de enerxía (este proxecto é unha mostra moi clara), nen sequera no actual contexto de crise económica na que, segundo reza a documentación presentada, constátase un “retraso da demanda”. Ben ao contrario, a empresa pretende mesmo aumentar esta produción co único e pouco disimulado obxectivo de “rendibilizar” unha enerxía que nun momento dado non pode colocar no mercado, en lugar de aforrar a súa xeración. -“Puntas ocasionais na produción de renovábeis”: Esta é a tradicional xustificación de moitas centrais de bombeo: Aportar “constancia” ao subministro fronte ás “irregularidades” na produción que teñan algunhas renovábeis, especialmente a eólica. A este respeito, GN-Fenosa non descoñece que o actual parque da xeración enerxética estatal está composto por un “mix” de varias fontes, mesmo renovábeis con subministro moi previsíbel e estábel (hidroeléctrica, solar,) e que algunhas das “non renovábeis” tradicionalmente consideradas como as garantistas do sistema de subministro pola súa estabilidade, están suxeitas tamén a variacións e indeterminacións que poderían comprometer a súa continuidade. Razóns económicas, políticas etc. poden condicionar de xeito determinante os prezos e a dispoñibilidade destas enerxías no mercado, alén dos posíbeis accidentes que poderían obrigar, como aconteceu en Xapón despois de Fukushima, ao apagado de todas as nucleares. E tamén a respeito da estabilidade, non foi esta a xustificación empregada polo governo español en 2010 para aprobar o Decreto 134/2010 de axudas ao carbón, que primaba queima de carbón estatal fronte ao importado e os ciclos combinados? A mesma GN-Fenosa na documentación do proxecto non oculta, ao referirse ao rexime de funcionamento da central de bombeo, cal vai ser o ciclo de operacións: Pódese apreciar que lonxe de atender aos motivos conxunturais aducidos pola empresa como xustificación para o bombeo (atender a puntas ocasionais na produción de renovábeis) o rexime de funcionamento (bombeo de fin de semana e os días de diario turbinado pola mañán e bombeo pola noite) deixa claro o verdadeiro obxectivo do proxecto: Colocar no mercado cando a demanda (e o prezo) é máis alto (horario laboral) a enerxía acumulada mediante bombeo no encoro superior, turbinándoa en momentos de baixa demanda (noites e fins de semana). Ulas as supostas puntas de produción das renovábeis? Ou é que o vento sopra máis pola noite que polo día? Logo de desmontado o argumento da “febleza” do subministro das renovábeis e da necesidade de xestionar os excedentes, cómpre avaliar cal é a procedencia desta enerxía que, mediante bombeo, quere armacenarse nun encoro. A este respeito, confírmase outra volta o que ADEGA e outras organizacións ecoloxistas vimos denunciando a respeito das centrais de bombeo: Na documentación deste proxecto cítase que “a electricidade armacenada nos intres de menor demanda virá xeralmente dun ‘mix’ de xeración baixo en C –eólica e nuclear- con menor participación dos ciclos combinados de gas”. Portanto, non són unicamente as renovábeis as responsábeis deste “exceso” de produción non colocado. Tamén as nucleares e as centrais de gas (megawatios suxos) contribúen a xerar a electricidade (non renovábel e contaminante) que é usada para bombear auga en periodos de baixa demanda e que é despois, ao ser turbinada, é convintemente “lavada” en megawatios “limpos” e colocada no mercado a un prezo superior e mesmo primado con axudas públicas. Por outra banda, GN-Fenosa alude en varias ocasións ao aumento da produción eólica tanto a nível galego como estatal. A nível galego, dos 2325 MW licitados pola actual Xunta no último concurso (2010) apenas só se instalou un 2%a día de hoxe, e a nível estatal, a supresión das primas aos novos proxectos renovábeis supuxo un brusco parón no desenvolvemento destas enerxías. -“Autoabastecemento”: Outro argumento vencellado á dependencia eléctrica do “exterior” do estado español. No entanto, GN-Fenosa non considera o ámeto galego, no que pretende desenvolver os seus proxectos, como a referenza válida neste caso. Por que non entón o ámeto peninsular ou eurpoeo? De facelo, e considerando a suficiencia eléctrica galega, comprobaría que o noso país é excedentario na produción de electricidade e que a demanda industrial e urbana está por baixo da capacidade de produción das centrais do país. A este respeito, o conceito de autoabastecemento cómpre ligalo ao do aforro e a eficiencia. Ao do aforro porque, como xa se dixo, a millor enerxía é a que non é necesario producir, e tendo a acadado Galiza a suficiencia eléctrica (por certo cunha importante porcentaxe de renovábeis, ao contrario que outros lugares do estado) non precisaría producir máis. E á eficiencia, porque alén de que no proceso de bombeo existe un déficit enerxético neto de arredor do 30%, a electricidade producida por este e outros proxectos similares non vai ser consumida polo tecido económico galego senón que será exportada á meseta, sufrindo perdas durante o transporte de até o 30%. -“Cumprimento do Protocolo de Quioto”: O incumprimento sistemático por parte do estado español das condicións fixadas polo Protocolo de Quioto non vén dunha baixa xeración de enerxía procedente de fontes renovábeis. Vén da non diminución (agás nestes últimos 2 anos, e debido á crise económica e á caída do consumo) das fontes que queiman combustíbeis fóseis. A este respeito, tanto no estado como en Galiza non se produxo unha substitución ó “alternatividade” (de aí precisamente a denominación das renovábeis como altarnativas) entre as enerxías limpas e as suxas: ben ao contrario, incrementáronse ambas. Portanto, a cuestión non debería ser cantas emisións de CO2 va “aforrar” a construción destas centrais de bombeo, senón cantos dos megawatios producidos en Galiza con carbón e gas van ser substituidos (e consecuentemente cantos grupos térmicos van deixar de emitir) ao poñer en marcha este proxecto. A resposta é ben sinxela: 0 (cero). E por certo, no seu balanzo de gases, GN-Fenosa só fai referenza ás supostas (ficticias, como acabamos de amosar) emisións “evitadas”. Esquécese de cuantificar os gases emitidos pola combustión dos motores que durante os 74 meses de obras vai emitir a maquinaria, especialmente os camións de gran tonelaxe que transportarán os entullos (1.175.000 m3) até as entulleiras a razón de 327 viaxes diarias. 2. Encol das afeccións aos hábitats e aos espazos naturais As obras proxectadas desenvólvense totalmente dentro da “zona de transición” da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés e parcialmente na “zona tampón” (toma no encoro de Salas). Afectan tamén neste punto á proposta de ampliación da Rede Natura 2000 (Xunta de Galiza, 2011) dentro do espazo LIC-ZEPA-ZEPVN Baixa Limia-Serra do Xurés. Polo que atinxe ás afeccións á Reserva da Biosfera, cómpre lembrar que na “zona tampón”, e tratándose dun territorio cun valor de conservación alto en canto á representatividade, extensión e naturalidade dos hábitats presentes, só serían compatíbeis os usos tradicionais do solo e o turismo ambiental. Polo que atinxe á zona de transición da reserva, na que se desenvolve a prática totalidade das obras proxectadas, subliñar que o seu obxectivo é promocionar actividades compatíbeis co desenvolvemento sustentábel e favorecer ás poblacións locais xunto coa conservación e revalorización da naturaeza e da biodiversidade. Ningún deste obxectivos propostos para ambas as dúas zonas da Reserva da Biosfera son compatíbeis coas obras proxectadas. Polo que atinxe aos hábitats naturais, as obras afectan directa ou indirectamente aos seguintes hábitats: 3110; 3150; 3260; *4020: 4030; 4090; *7110; 7140; 8230; 91E0; 9230 e 9260. Suporán a eliminación física de máis de 153 hectáreas de hábitats naturais cun alto grao de naturalidade e bo estado de conservación, principalnente debido ás 7 zonas de depósito proxectadas para os 1.175.000 m3 de entullos. Desta superficie e “eliminar”, 20,30 Ha corresponden a hábitats frondosas, fundamentalmente 9230 Carballeiras galaico-portuguesas e *91E0, Bosques aluviais con Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior. Este último hábitat está considerado como de conservación prioritaria pola Directiva 92/43 CEE e a lexislación estatal e galega que a traspón. Cómpre sinalar que a Comisión Europea considerou insuficiente a designación de espazos que fixo o estado español a respeito do hábitat *91E0 na rexión bioxeográfica mediterránea. O proxecto encádrase precisamente nunha zona de transición entre esta rexión e a atlántica. Outros hábitats eliminados físicamente polas obras son as 84,87 Ha de breixeiras, fundamentalmente 4030 (breixeiras secas europeas), cun índice de naturalidade elevado e unha cobertura alta; e as 35 Ha de rochedos silíceos e pasteiros (hábitat 8230, incluindo manchas de *3170 –estanques temporais mediterráneos-), charcas e prados obxecto por certo dun aproveitamento compatíbel (pastoreo extensivo) dentro da Reserva da Biosfera. A isto habería que engadir as radicais modificacións paisaxísticas que implicaría a criazón dos 7 parques de depósito para os entullos e áridos provintes das excavacións (superficie total 1,8 millóns de m2) espallados por 3 concellos (Muíños, Calvos de Randín e Lobeira) e dentro da Reserva da Biosfera. Para ADEGA non é aceptábel portanto nin a valoración do impacto sobre estes hábitats que efactúa GN-Fenosa (impacto moderado) nin as peregrinas xustificacións que, por exemplo fai ao respeito da eliminación de case 85 hectáreas de breixeiras (4030) suprimidas polas obras: ter unha “ampla distribución e querencia polo territorio galego”. 3. Encol das afeccións ás especies protexidas O proxecto afecta potencialmente a 23 especies incluidas no catálogo Español de Especies Ameazadas e/ou no Catálogo Galego, 8 delas consideradas “vulnerábeis” e 5 “en perigo de extinción”. Alén das afeccións ás especies ameazadas, cómpre subliñar os graves impactos que ao noso entender poden sufrir as especies catalogadas como “en perigo de extinción” e cuxa distribución (área de presenza, cría ou campeo) coincide coa área das obras, a saber: Armeria humilis subsp. odorata; Eryngium duriaiei subsp. juresianum (endemismos do noroeste peninsular); Milvus milvuos e Aquila chrisaetos. Polo que respeita aos taxóns botánicos, non pode descartarse alegremente como di a empresa no inventario ambiental do proxecto a presenza destas especies por non telas atopado durante as prospeccións de campo. A fenoloxía destas especies ou o rango temporal/espacial da prospección pode determinar que durante o traballo de campo non foran visíbeis ou non poideran ser correctamente identificadas. Porén, a súa reducida distribución xeográfica, coincidente coa área do proxecto, debería xustificar as máximas cautelas (principio de Precaución) por cando a destrución accidental dunha pequena poboación podería ocasionar danos irreversíbeis á especie a nível mundial. No referido ás especies animais (aves) en perigo de extinción afectadas polas obras, a bibliografía amosa que na área cercana ás obras hai presenza confirmada de milano real (Milvus milvus), probablemente en campeo e aguia real (Aquila crhysaetos), con núcleos reprodutores próximos, dun total de 6-10 parellas en todo o país. Precisamente, a respeito da aguia real, está en marcha dende 2001 un proxecto de reintrodución no Xurés que, como amosa a documentación do Plano de Recuperación desta especie citada no EIA, acolle dentro do territorio de campeo parte da ubicación das obras (canalisacións), do trazado da liña eléctrica de evacuación e dos lugares de depósito dos áridos de escavación. Neste senso, e apelando tanto ao principio de Precaución como á diversa lexislación ambiental que consagra a estritra protección desta especie, consideramos que tanto durante a fase de obras (voaduras, movemento de terras e maquinaria) como durante a fase de explotación (colisión co tendido eléctrico de evacuación) os impactos sobre esta especie deberían considerarse como “críticos”. Outras especies presentes na área das obras e potencialmente afectadas por elas, particularmente polas liñas de evacuación, serían a aguia cobreira (Circaetus gallicus, vulnerábel no CGEA) e a tartaraña cincenta (Circus pigargus, vulnerábel no CGEA e no CEEA). 4. Encol das afeccións á calidade das augas e ao potencial ecolóxico dos encoros Durante a fase de construción da obra, estimada en 74 meses (máis de 6 anos), as variacións dos níveis tanto do encoro de Salas como do das Cunchas provocarán graves impactos aos hábitats e especies fluviais. Así, está previsto que o descenso de nível no encoro de Salas deixe durante 175 días (case 6 meses) a lámina de auga moi por baixo do nível medio do encoro, e destes, 150 días por baixo do caudal mínimo. Polo que atinxe ao encoro das Cunchas, o nível reducirase en 2 periodos de 50 e 151 días (en total case 7 meses) chegando a acadar un caudal preto do mínimo histórico absoluto. Estas radicais variacións no nível dos encoros durante un periodo de tempo tan prolongado, unidas ás oscilacións propias da fase de de operación, farán que os impactos sobre os hábitats fluviais e as especies asociadas a estes deberan ser consideradas críticas, máxime tratándose dun territorio declarado Reserva da Biosfera e en parte (encoro de Salas) incluido dentro da proposta de ampliación do LIC-ZEPA-ZEPVN-PN da Baixa Limia-Serra do Xurés. Posteriormente, durante a fase de operación da central reversíbel, as augas dos encoros das Cunchas e Salas misturaranse. Habida conta do mal estado ecolóxico do encoro das Cunchas, fortemente eutrofizado debido ás verteduras da actividade agrogandeira, e aos continuos episodios de floración de cianobacterias tóxicas, resulta moi posíbel que se traslade a contaminación por cianobacterias ao encoro de salas. Este encoro, malia a ter un estado ecolñoxico sensibelmente mellor que o das Cunchas, amosa xa episodios periódicos de eutrofización con periodos de floración explosiva de algas (entre as que xa se detectaron dende 2001 cianobacterias). A inxección neste encoro de millóns de metros cúbicos de augas eutrofizadas (con níveis moi altos de nitratos-nitritos) cunha alta carga de cianobacterias procedentes do encoro das Cunchas, vai sen ningunha dúbida a empeorar o seu estado ecolóxico, reducindo o seu potencial. Polo que atinxe ao encoro das Cunchas, poñemos en dúbida as conclusións do estudo hidrolóxico aportado pola empresa no senso de predecir, através de simulación, unha relativa millora do seu potencial ecolóxico (aínda que seguiría fortemente eutrofizado) debido aos aportes de augas procedentes do encoro de Salas, aumentando o osíxeno disolto. Tendo en conta a elevada indeterminación nos cálculos de determinados parámetros (P total, disco de Secchi e resposta algal) que reflicten os modelos empregados, que non consideran os aportes de caudais “naturais” aos encoros (no caso do das Cunchas, augas con alta carga eutrofizante debida á actividade agrogandeira intensiva), o efecto de millora do potencial ecolóxico sería case despreciábel: augas máis osixenadas e altos níveis de nutrintes darían lugar a novos episodios de floración explosiva de algas, especialmente durante o periodo de estratificación. En conclusión, coa posta en marcha do proxecto non só non milloraría o preocupante estado ecolóxico no encoro das Cunchas (acaso transitoriamente e durante os periodos de “enchido”), senón que empeoraría substancialmente o estado do de Salas impedindo a consecución do “Bon Potencial Ecolóxico” que establece a Directiva Marco da Auga para 2015. Por todo o anteriormente exposto, dende ADEGA SOLICITAMOS que se teñan en conta as presentes alegacións e que por parte desta administración non se autorice o proxecto de “CENTRAL REVERSIBLE SALAS-CONCHAS”, denegando tamén solicitude de modificación das concesións dos aproveitamentos dos ríos Salas e Limia (salto de Salas e das Cunchas) feita pola peticionaria.

viernes, 28 de junio de 2013

PAREMOS AS FUMIGACIONS TÓXICAS NAS VÍAS E ESTRADAS

Paremos as fumigacións tóxicas nas vías e estradas x Todo repite Xusto isto repite Venres, 21. Xuño 2013, 08:00 PAREMOS AS FUMIGACIÓNS TÓXICAS NAS VÍAS E ESTRADAS En ADEGA, preocúpanos a intensidade con que este ano teñen fumigado con herbicidas ducias de estradas para rozar o mato. Estas fumigacións realízanse frecuentemente con glifosato, un potente herbicida tóxico para o ambiente e para a saúde das persoas. A razón de rozar con métodos químicos é unicamente económica: Cuns litros de glifosato e un único operario "rózanse" ducias de quilómetros ao día. Afórrase deste xeito, contratar a unha brigada para facer o rozado mediante métodos mecánicos, a cambio de deitar no medio milleiros de litros de veleno. Acontece ademais que o rozado químico, alén de supoñer un perigo para o ambiente e a saúde, non elimina o risco de lumes: Ao contrario, a presenza do mato seco a carón das estradas é un factor de risco engadido. Nalgúns casos chégase até o absurdo de fumigar primeiro e rozar mecanivamente despois: Por que non facelo só con métodos mecánicos? Para visualizar a dimensión deste grave problema propoñémosvos que colaboredes con ADEGA. Para iso, só tendes que acudir a unha destas vías fumigadas, facer unha foto co cartaz que vos achegamos e enviala a ADEGA. Que como recoñecer as zonas nas que se aplicou o herbicida? Pois abonda con fixarse nas bermas das estradas e ver se a vexetación fica semorecida ou seca, mentres que noutras zonas está aínda verde. Non é difícil: estradas do Estado, a Xunta, Deputacións e concellos teñen sido fumigadas a eito, polo que non teredes problema en atopalas. Con todos os cromos recibidos, elaboraremos un álbum público e un dossier, que xunto a nota de prensa e un escrito de denuncia remitiremos en nome de ADEGA aos medios, ás administracións competentes e á Fiscalía Ambiental. Pedímosvos a vosa colaboración para localizar e identificar aquelas zonas fumigadas, especialmente as que supoñen un risco inmediato de contaminación para a saúde e o ambiente: Preto de cursos de auga, leiras de cultivo, pastos, zonas habitadas... Só tedes que facer unha foto da zona co cartaz impreso e colocado sobre un pau ou calquera outro soporte. PAREMOS O ENVELENAMENTO DO NOSO MEDIO! DEFENDAMOS A NOSA SAÚDE!

ADEGA NA CONTRA DA MINEIRIA CONTAMINANTE

ADEGA esixe a retirada do Plano Sectorial de Actividades Extractivas por promover a megaminaría contaminante 18 de xuño de 2013. O Plano Sectorial de Actividades Extractivas (ou Plano da Minaría) vai permitir á Xunta autorizar novas explotacións e ampliar existentes en terreos até agora vedados, xusto o que demanda o lobby mineiro ao ditado das transnacionais colonialistas. De querer garantir un "aproveitamento racional" dos recursos mineiros que non comprometa o equilibrio dos ecosistemas e non altere o medio físico e humano, o PSAEG debería comezar por establecer zonas de exclusión e prohibir prácticas mineiras nocivas. Porén, o Plano da Minaría de Feijóo considera a totalidade do territorio galego como explotábel e non establece límites para o uso de técnicas agresivas como a cianuración ou o "fracking". Para o PP, os habitantes dos territorios afectados polas minas non pasan de simples indíxenas aos que enganar co brillo dos postos de traballo en precario. ADEGA esixe a retirada deste PSAEG, a paralisación inmediata de todos os permisos mineiros en tramitación e a constitución urxente do Consello da Minaría. Sr. Feijóo: Galiza só é unha mina para os corruptos! Para ADEGA o Plano Sectorial de Actividades Extractivas de Galiza (PSAEG) debería integrar na súa parte normativa (Documento de Referenza e Informe de Sustentabilidade Ambiental) os seguintes PRINCIPIOS E DISPOSICIÓNS: 1. Os recursos xeolóxicos deben ser usados de forma eficiente para satisfacer as necesidades da poboación e non os intereses das empresas, sendo a prevención e o control da demanda prioritarios sobre a produción. A participación da sociedade na elaboración, deseño e execución da política mineira debe garantirse constituindo con urxencia o Consello da Minaría de Galiza, tal como establece a Lei 3/2008 de Ordenación da Minaría. 2. Non debería aumentar a extracción de substancias da codia terrestre se estas materias primas poden ser beneficiadas mediante a recuperación e a reciclaxe. É preciso pois que este PSAEG avalíe a porcentaxe da demanda de materiais beneficiados dos recursos mineiros que podería cubrirse mediante a recuperación e a reciclaxe, á hora de planificar novas actividades extractivas. 3. A extracción destas materias primas debería facerse de acordo coas solucións tecnolóxicas máis avanzadas, atendendo ao menor impacto sobre o ambiente e a saúde, e aplicando os principios de Precaución e Mínima Exposición. 4. O aproveitamento dos recursos xeolóxicos debe ser compatíbel coa protección do medio ambiente, do patrimonio histórico-arqueolóxico e cultural, cos usos actuais do solo e vencellados á economía da zona. No caso de incompatibilidades, prevalecerán todos estes usos sobre os aproveitamentos mineiros. 5. O aproveitamento dos recursos mineiros non debe empobrecer os sistemas agroforestais nin alterar os ecosistemas naturais. Débese prohibir o seu beneficio en chan rústico de especial protección forestal e agropecuaria, así como en chan de protección de espazos naturais, augas e costas e dentro dos espazos naturais protexidos pola lexislación galega, estatal, europea e internacional. O PSAEG debe recoller estas prohibicións e, portanto, establecer zonas de exclusión para as actividades mineiras declarándoas como áreas "non rexistrábeis". 6. Débese prohibir a extracción de minerais metálicos e outros elementos tecnolóxicos polo sistema de ceo aberto. O uso do cianuro debe prohibirse en todo caso, así coma o emprego de substancias perigosas ou metodoloxías que poidan poñer en risco a saúde ambiental e cidadá se non existen alternativas. A este respeito, as técnicas de “fracking” non deben estar permitidas en todo o territorio galego, incluída a plataforma continental. 7. Todos os xacementos de minerais tecnolóxicos existentes no subsolo de Galiza, incluída a plataforma continental, deben considerarse estratéxicos para o país. Portanto, a Xunta debería declarar ou instar á declarar estes xacementos como zonas de reserva permanente, impedindo o seu aproveitamento por empresas privadas. De autorizar algunha explotación mineira, a participación pública no beneficio neto das empresas concesionarias non debería ser inferior ao 20%. Os recursos obtidos pasarían a integrar un Fondo de Compensación Ambiental e Social e xestionaranse consonte ao establecido no punto 10. 8. Non se poderán conceder permisos de exploración, investigación e explotación mentres non se constitúa o Consello da Minaría de Galiza e entre en vigor o Plano Sectorial de Actividades Extractivas, consonte a Lei 3/2008 de Ordenación da Minaría. Consecuentemente, débense suspender todos os permisos e concesións en tramitación. Non se poderá conceder ningún permiso de explotación sen un acordo favorábel e por escrito de cando menos o 75% dos titulares das terras afectadas pola explotación. 9. Os responsábeis das concesións deberán contar, antes do inicio da actividade, cun seguro ou garantía de cobertura con entidade suficiente para garantir o pago dos custos e indemnizacións xeradas por eventuais accidentes. As administracións deberían constituír ademais un Fondo de Restauración Ambiental integrado con aportacións das empresas concesionarias, por un importe mínimo equivalente ao 5% do total do investimento, e que estaría destinado a garantir os custos da reparación do medio afectado pola actividade mineira, logo de rematada esta. 10. Os beneficios obtidos polas administracións derivados das actividades mineiras autorizadas, a teor do exposto no punto 7, adicaranse en primeiro lugar á mellora ambiental e socioeconómica das comunidades nas que de desenvolvan proxectos de explotación, e en segundo lugar, adicaranse a proxectos dinamizadores do medio rural. En ambos os dous casos a aplicación destes orzamentos será anual ou bianual. Por todo o anteriormente exposto, dende ADEGA SOLICITAMOS a retirada deste documento e que incorporen as presentes consideracións á redacción dos Documentos de Referenza e do Informe de Sustentabilidade Ambiental do PSAEG.